Categorías
Historia

A matanza de Oradour-sur-Glane

O 10 de xuño de 1944 os ollos do mundo estaban postos nun recuncho da costa francesa onde se libraba a Batalla de Normandía, pero a 500 kilómetros da fronte occidental tiña lugar un dos feitos máis tráxicos da II Guerra Mundial.

Nese momento, Oradur-sur-Glane é un pequeno pobo rodeado de terras de labor na rexión de Lemosín, a uns 25 kilómetros ó noroeste de Limoges. Non ten valor estratéxico e está fóra dos roteiros que levan a Normandía. Con algo menos de 1600 habitantes e unha igrexa é, en definitiva, un lugar como tantos outros do interior de Francia.

Heinz Lammerding
Heinz Lammerding (Alchetron.)

Porén, na zona de Lemosín había moita actividade da Resistencia. O 5 de xuño, víspera do desembarco de Normandía, o comandante da Das Reich (unha unidade das SS-Waffen), Heinz Lammerding, xa propuxera medidas represivas contra a poboación e presentalas como consecuencia das actividades da Resistencia.

Dous días despois do memorando de Lammerding e coordinado co ataque aliado, comezou o acoso ós nazis no Lemosín. Durante os días 7, 8 e 9 de xuño moitos soldados alemáns foron mortos polos insurxentes franceses. As represalias nazis non tardaron en facerse notar por toda a rexión, pero a máis sanguenta foi a do 10 de xuño en Oradur-sur-Glane.

O 10 de xuño en Oradur-sur-Glane

Ese día a vila estaba ateigada de xente. Había visita médica para os nenos e reparto de tabaco, ademáis dos visitantes de fin de semana. Os restaurantes estaban cheos de xente. Todo era normal, ata a chegada de unha unidade da Das Reich.

Ás 14.15 aparece unha columna de vehículos militares con 150 soldados e dous blindados pola estrada de Limoges. Os nazis ordean ó tambour de ville (o pregoeiro) que convoque ós habitantes na praza do mercado para unha inspección de documentos.

En apenas vinte minutos a praza está chea. Otto Dickman, quen comandaba a operación, acusa ó pobo de ser un depósito de armas para a guerrilla e esixe ó alcalde que lle entregue trinta reféns. O alcalde nega as acusacións e ofrécese el mesmo como refén.

A matanza

Oradour-sur-Glane
Igrexa de Oradour-sur-Glane (de Calips, WikiCommons).

Os alemáns ordean separar ó grupo en dous. Por unha banda, os homes foron levados fóra do pobo. Por outra, as mulleres e nenos foron metidos na igrexa.

Unha granada de fume estalou dentro do templo. O pánico apoderouse dos cautivos e os membros da Das Reich dispararon ata matar a todos os que estaban dentro da igrexa. Ó mesmo tempo, os soldados que levaban ós homes cara os graneiros onde ían ser encerrados, disparáronlles e matáronos a todos. En total, foron asasinadas 643 persoas.

Durante os días seguintes, os nazis dedicáronse a botar cal viva ós corpos e a queimar tódolos edificios do pobo ata a súa partida definitiva á fronte normanda.

Pouco despois, a revista Time recolleu a historia da matanza, identificou ó reximento responsábel e plantexou a hipótese dunha posible confusión entre Oradour-sur-Glane e Oradour-sur-Vayres, a uns 30 kilómetros ó sudeste, onde si había un depósito de armas maquis.

Oradour-sur-Glane segue tal e como o deixaron os nazis como lembranza do horror e da barbarie. Hoxe está deshabitado.

Máis entradas sobre historia.

Tamén podes ler este texto en castelán: La matanza de Oradur-sur-Glane.

Unha resposta en “A matanza de Oradour-sur-Glane”

Deixar unha resposta