O que arde é un filme lento, con planos fixos mantidos durante moito máis tempo do habitual, silencios inusualmente longos e unha historia que parece non avanzar. Odio ese tipo de filmes. E, aínda así, saín do cinema absolutamente namorado.
Pero mellor volvo empezar.
O que arde non é un filme lento, leva o ritmo dunha vida xa case perdida, a da montaña lucense; non é que os seus planos fixos se manteñan moito tempo, é que cada plano é un cadro que hai que observar e absorber; non importa que os silencios sexan inusualmente longos, porque son os que constrúen a historia; e non pasa nada porque a historia non avance na narración, porque a historia sucede dentro das personaxes. ¿Como non ía saír do cinema completamente namorado?
Vida de lume e cinza
O filme conta a historia de Amador, un pirómano que sae do cárcere e volta a casa da súa nai, Benedicta, nunha aldea da serra de Os Ancares, e da súa nova vida alí, que non é máis ca un retomar a vida no punto no que a deixou antes de entrar na cadea. Esto, que parece suficiente para soster a película non é máis ca unha excusa para falar da soidade e o illamento da montaña; da fraxilidade de todo o entorno, tanto natural coma humano; da precariedade das brigadas antiincendios… envolvéndoo todo nunha poesía visual que xustifica por si soa toda a metraxe. Valgan coma exemplo os primeiros minutos, nos que Oliver Laxe e Mauro Herce (director de fotografía) convirten a tarea de crear un cortalumes nun ballet cargado de suspense que fai que O que arde nos leve a un clímax estético do que case non nos baixará ata os créditos finais.
A película constrúese fundamentalmente en torno ó silencio das personaxes. Amador e Benedicta apenas falan. Nin entre eles nin cos demáis. As interaccións de Amador con todo o que lle rodea acrecentan a súa aura de ser solitario. Unha soidade en parte voluntaria e en parte imposta. Como cando nun enterro alguén lle pregunta entre risas e dende a distancia ¿tes lume?; a única reacción de Amador é encollerse e mirarse os pes. Amador sempre está só, evita a compañía por saberse evitado; rexéitaa por saberse rexeitado.
Así que, repito, ¿como non ía saír do cinema completamente namorado?
Amador e Benedicta, protagonistas de ‘O que arde’ (vía Numax). Benedicta, protagonista de ‘O que arde’ (vía Numax). Benedicta, protagonista de ‘O que arde’ Amador nunha imaxe de ‘O que arde’ (vía Numax). Imaxe de ‘O que arde’ Imaxe de ‘O que arde’ Imaxe de ‘O que arde’ (vía Numax). Imaxe de ‘O que arde’ (vía Numax). Imaxe de ‘O que arde’ (vía Numax). Benedicta, protagonista de ‘O que arde’ (vía Numax).
Tamén podes ler esta entrada en castelán: ‘O que arde’, de Oliver Laxe.
Unha resposta en “‘O que arde’, de Oliver Laxe”
[…] También puedes leer esta entrada en gallego: ‘O que arde’, de Oliver Laxe. […]