Prisciliano, un heresiarca na Gallaecia

Prisciliano presidindo a Alba de Gloria, de Castelao

No ano 395 o emperador Teodosio O Grande dividiu o Imperio Romano entre os seus dous fillos. Foi o punto culminante da crise social, espiritual e política que sufría o Imperio. Un dos eixes deses conflitos espirituais foi a herexía de Prisciliano dentro dunha igrexa que todavía non se consolidara.

Contexto

No século IV o cristianismo todavía estaba establecéndose. Ó longo da centuria o Imperio pasou de perseguir ós cristiáns (a última gran persecución foi a de Diocleciano, de 303 a 311) a adoptar o cristianismo coma relixión oficial do estado (Teodosio, en 380).

Aínda que a relixión ía gañando fiéis pouco a pouco, o corpus de fe non estaba plenamente pechado. Este cristianismo, todavía non institucionalizado, estaba sometido a constantes debates. Nesta coxuntura, xurdían correntes e interpretacións novas, como a de Ario, unha das máis coñecidas.

Constantino I
Constantino I

O edicto de Constantino (313) e os concilios de Nicomedia (328) e o Primeiro de Nicea (325) conformaron unha ortodoxia que serviría coma dogma. Ademáis de fixar a fe, estes concilios e as decisións tomadas neles servían para afianzar a estrutura e o poder da igrexa. O que implicaba xulgar as desviacións da ortodoxia para acalar calquera oposición interna.

Neste punto da historia aparece Prisciliano.

¿Quen era Prisciliano?

As fontes son escasas ou pouco fiábeis, polo que o Prisciliano home está misturado co mito. Pénsase que naceu en torno ó 340 na provincia de Gallaecia e hai quen di que naceu en Iria Flavia1(Padrón, A Coruña). Porén, non hai probas que sustenten esta afirmación e máis ben son conxecturas.

Prisciliano
Prisciliano

Tamén se cre que era de familia acomodada, xa que Prisciliano viviu e estudou en Bordeos. Nesta cidade francesa entrou en contacto co gnosticismo e outras correntes que buscaban unha volta ás orixes da igrexa. A teoría máis estendida di que, a partires dese punto, deixou a súa vida acomodada para predicar unha máis sinxela.

Así, en torno a 375, Prisciliano comezou a predicar unha doutrina baseada na pobreza por toda a Hispania e parte da Galia. Cinco anos máis tarde foi nomeado bispo de Ávila, de xeito que as súas ensinanzas tiveron maior proxección. Esta elección non gustou a outros bispos que o acusaron de herexía, aínda que o xuizo foi por inmoralidade e maxia.

En 385 foi decapitado en Tréveris (actual Alemaña) e lanzado dende a Porta Nigra xunto con catro discípulos.

O priscilianismo

A pesares de ser catalogado coma herexía no Concilio de Braga (561) e de seres a primeira perseguida como tal, o corpus ideolóxico do priscilianismo non é coñecido polo miúdo.

Sabemos da vertente gnóstica e a vía de pobreza apuntadas máis arriba. Tamén que propugnaba un retorno ás orixes da igrexa. Porén, o máis importante é que negaba a Trinidade e favorecía a libre interpretación da Biblia, incluidos os textos apócrifos (ca axuda do Espíritu Santo, claro).

Exeria
Exeria

A muller era importante dentro do priscilianismo. Tiña permitido participar activamente na vida relixiosa e mesmo escribir. Ese foi o caso de Exeria, monxa da Gallaecia, autora do libro Itinerarium ad Loca Santa (Viaxe ós Lugares Sagrados) e, segundo algunha teoría, muller de Prisciliano.

O priscilianismo rexeitaba a esclavituderecomendaba o celibato (aínda que non prohibiu o casamento de relixiones) e propuña xaxúns e a abstinencia do alcohol.

Todo este conxunto de ideas chocaban de fronte ca igrexa en proceso de construcción, o que remataría no xuízo e a condea xa mencionados.

O priscilianismo sobreviviu á morte do seu fundador en moitas zonas, especialmente na actual Galiza. A súa presencia no noroeste peninsular nos primeiros anos do século V era moi importante. Tanto que os suevos, á súa chegada (409-410), adoptaron o priscilianismo como elemento de cohesión social e factor diferenciador co resto da Hispania.

A presenza do priscilianismo mantívose ata o Segundo Concilio de Braga (572), case dous séculos despois da morte do seu fundador.

Prisciliano presidindo a Alba de Gloria, de Castelao
Prisciliano presidindo a Alba de Gloria, de Castelao

Prisciliano e o Camiño de Santiago

Conta Sulpicio Severo (363 – c. 425) que no 389 os discípulos de Prisciliano levaron o seu corpo dende a Gallia Germanica ata a Gallaecia. Alí foi soterrado nun lugar descoñecido.

Unha lenda sen referente histórico algún conta que esa viaxe foi a orixe do Camiño de Santiago. Incluso hai quen di que o corpo da catedral de Compostela non é o do apóstolo Santiago, senón o de Prisciliano. A teoría inicial publicouna o haxiógrafo francés Louis Duchesne na revista Annales du Midi. Máis tarde, Sánchez-Albornoz e Unamuno darán pulos a esta hipótese coma alternativa á tradición católica.

Monseñor Guerra Campos, pola súa parte, descarta esa teoría e propón outro lugar de enterramento: Os Martores (Pontevedra). Básase en dous puntos que poden ser circunstanciais. Por unha banda, na ermida de San Mamede hai tres sartegos do século IV. Por outra, a ermida está en Os Martores (deturpación de Os Mártires), que é o único topónimo deste tipo en toda Galiza.

Unha terceira teoría sitúa o enterramento de Prisciliano en Santalla de Bóveda (Lugo).

Urna cos restos do Apóstol Santiago na catedral de Compostela
Urna cos restos do Apóstolo Santiago na catedral de Compostela

Máis entradas sobre historia.

Podes ler este texto en castelán: Prisciliano, un heresiarca en Gallaecia.

Notas

  • 1
    (Padrón, A Coruña)

Deixa unha resposta