Categorías
Cultura Música

Talabarte, música tradicional contemporánea

De entrada, tradicional e contemporánea só terían que ter sitio na mesma fase como oposición. Talabarte demostra que non sempre ten que ser así e que poden complementarse unha á outra.

Baixo o nome de Talabarte agóchanse tres músicos cunhas traxectorias tan envexábeis como indiscutíbeis. Quim Farinha (violinista de Berrogüetto), Pedro Pascual (acordeonista de Marful) e Kin García (contrabaixista de Susana Seivane). Nada menos.

Capa do primeiro disco de Talabarte

Talabarte, o primeiro disco (2011)

Este primeiro traballo, titulado precisamente Talabarte (2011), foi un descubrimento tras outro. O primeiro deles foi o (aparente) oxímoro do título na nota de Cultura Galega. Confeso que quedei estrañado. ¿Que é música tradicional contemporánea? ¿Algo como Brath? ¿Milladoiro, tal vez? ¿Ou os tiros van máis por Spiritu (986)?

Fol Música dicía que este primeiro disco propón unha viaxe a través das músicas populares de Galicia e doutras latitudes. E vaia se o é. A escoita fíxome percorrer o mundo enteiro. Galiza, os Balcáns, Estados Unidos, Franza, Arxentina… A música é tradicional, sen dúbida, pero é a música tradicional que se faría agora se non tivera habido música tradicional anterior. Este aparente trabalinguas ten máis sentido do que semella e penso que xa comprendo que é música tradicional contemporánea.

Capa do segundo disco de Talabarte

Fake, segundo disco (2016)

Cinco anos despois de Talabarte, o trío saca o libro-disco Fake. Coma se fora unha precuela, conta a viaxe de quince anos que o grupo fixo a bordo do Tradincerto. Disque esta sorte de avión levounos por todo o mundo: Escocia, Polonia, Escandinavia

Nesta viaxe empápanse dos xeitos de facer música deses lugares e intégranos na súa forma de compoñer e interpretar. Neste disco podemos atopar mazurkas, polkas, schottish… que soan galegas. E, tamén, músicas galegas que soan foráneas.

Hai quen di que esa viaxe nunca aconteceu, que todo é produto do maxín de Talabarte, que todo é Fake. Que saberán eles dos xeitos de viaxar. Ás veces pódese só con música.

Máis entradas sobre música.

Esta entrada parte da revisión da entrada en castelán Talabarte, música tradicional contemporánea, publicada en 2011. Non me gustou como quedou a orixinal e decidín refacela só en galego. Aproveitei para engadir o segundo disco, por eso non está datada igual que a outra.

Deixar unha resposta